POR QUE ESCRIBO POEMAS EN PROSA

Escribo en poemas en prosa porque é onde mellor me escoito. Non o fago por compromiso nin por necesidade pública, senón por un pracer íntimo, por esa sensación de recoñecemento que só aparece cando as palabras nacen no formato no que unha parte de min pensa, sente e lembra.

Escribo do mesmo xeito que leo: en silencio, sen présa, como quen conversa consigo mesmo sen agardar resposta. A lingua acompáñame nese espazo interior onde as emocións se gardan máis do que se expresan, non por falta de intensidade, senón por exceso de cautela.

Sempre fun unha persoa tímida. Non unha timidez de inseguridade constante, senón esa que observa antes de falar, que prefire o recuncho tranquilo á voz alta, que sente máis do que di. E o poema en prosa, para min, é ese recuncho: un lugar onde as palabras poden quedar, repousar, non marchar antes de tempo.

Moitas das que escribo non atoparon o momento axeitado para saír noutras formas. Ficaron dentro por medo a fracasar, a non ser comprendidas, a expoñer o que é profundamente persoal: a soidade, o amor contido, a frustración, a vergoña, a desolación.

O que escribo non nace dunha dor concreta, senón dunha acumulación lenta de sentimentos. Son emocións pequenas, cotiás, ás veces contraditorias, que se foron instalando co paso do tempo. E o poema en prosa permíteme nomealas sen romper o seu delicado equilibrio. (Do libro Cando chove por dentro ou como mollar sen auga os sentimentos no blogue falogalego.com

Descubre más desde FALOGALEGO

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo